Showing posts with label Noia. Show all posts
Showing posts with label Noia. Show all posts

Tuesday, December 25, 2018

Realm of Books (V): Gallaecia

Nunha calella estreitiña do núcleo histórico de Noia hai un edificio con veas de letras e corazón de palabras. 



Gallaecia é unha libraría envolta por un pericardio tímido que a mantén no seu lugar. Postais e fotos ancoran o territorio no diafragma espacio-temporal que sobe e baixa domado polo capricho dos seus donos. "1168-2018" reza un cartel que flirtea coa caducidade. Porque o tecido da vida, coma o  das historias, é un líquido  que flúe constante e vivo ante a transitoriedade. Só nos queda achegar os nosos dedos ao pulso carmesí das páxinas para albiscar apenas a súa constitución e calibre. 





A estrutura anatómica interior está dominada do teito ao chan por veas de madeira que acubillan o osíxeno vital das palabras. As de Castelao, Pizarnik, Borges, Cortázar, De Luca ou Storni axudan a regular a temperatura corporal do visitante. En finísimas arterias repousan as letras de metal agardando deixar cicatrices na virxindade do papel.

E no centro, vixiante, un corazón, unha bomba que rexe e mantén a cantidade e calidade do líquido tisular: Lois Agrelo, un apaixoado dos libros que comezou hai 25 anos unha colección particular para fuxir do estrés que lle xeraba o seu traballo.  Buscaba volumes que non se reeditaron daqueles exiliados en América coma Arturo Cuadrado ou Luís Seoane e comezou a mercar por internet e a constituír unha colección de textos que "era doado conseguir porque alí non os valoraban"






A colección foi medrando pois xa tiña o becho dentro, ese que fai que o que "o que realmente [goce] é a caza, a busca, o rastrexo". Acabou precisando un espazo propio, de aí que mercasen o edificio no que se atopa Gallaecia, dous andares cheos de libros que están coidadosamente inventariados na web, incluíndo todo tipo de detalles coma o seu peso ou o seu estado de conservación.

Entre eles, un grupo de libros especiais: os daqueles viaxeiros que pasaron por Galicia e recolleron as súas impresións sobre a terra, a nosa xente e as tradicións e costumes. Nina Epton, Aubrey Fitz Gerald Bell ou Ruth Matilda Anderson, que tamén tiveron o seu protagonismo na vitrina deste espazo. 



Lois é detallista e non só garda libros, senón tamén os folletos de exposicións que foron fitos neste país, como a primeira sobre Ruth Matilda en Galicia no ano 1998.

Este home é tamén unha válvula mitral que se abre e pecha continuamente controlando con mestría o fluxo das historias, ben sexan do mercado de edición británico, da Hispanic Society of America, da madeireira punteira de Porto do Son, a biografía tráxica de Delmira ou as últimas exposicións do Prado.

Convídovos a visitar este espazo do que unha sae coa alma apaciguada, o ciclo cardíaco ralentizado e un par de fascículos apretados contra o peito. O de His xa está dentro e o de Noia pide entrada.


Wednesday, October 3, 2018

Epitaphs (XXIII): Posthumous Letters in Noia








Dinnos os maiores que na vida cómpre saber casar tempo e coñecemento. 

O coñecemento como activo imprescindible que ir sedimentando aos poucos ou en atracóns. Que chegue o momento e o poidas sacar a relocer. O dato exacto no momento xusto. A habilidade practicada durante moito tempo posta en acción no intre necesario. A visión da experiencia propia ou allea para resolver o problema inmediato. O bendito savoir faire elusivo que quizais só alcanzaremos cando sexa tarde e nos falten as forzas para levalo á práctica. 

E vés ti, Manuel, dicirnos que tampouco sabemos morrer. Home, permíteme rotar a perspectiva, pásame as xeonlleiras e déixame tentalo.

















Homes de ferro en barcos de madeira








Los hombres no saben morirse

Los hombres no saben morirse…
Unos mueren no queriendo la muerte;

otros
la encuentran en un beso, pero sin estatura…

otros
saben que cuando cantan no le verán la cara.

Los hombres no se mueren completos,
no saben irse enteros…
Unos reparten en el viaje sus retazos de muerte;

otros
dejan el odio para cuando vuelvan…

Otros se van tocando el cuerpo
para saber si salen de la trampa…


Los hombres no saben morirse…
Unos van dejando su yo sin comprenderlo;
van dejando basura para esciba esotérica;

otros
se vuelven hacia adentro ante el vacío…

Pero todos,
con el cadáver de su tiempo al hombro,

todos,
todos son el Uno,

el Uno
que sólo por amor vuelve a la tierra.

Para saber máis:
  • Artigo en La Voz de Galicia (03/11/2015)

Friday, August 31, 2018

Words in Exhibitions: Hª da navegación e do patrimonio marítimo ata a Carta Pobra de 1168

O mar marcou a historia dese prodixio xeográfico que son as rías. Vendo a enseada da zona de Noia, custa imaxinar como era a vila nos anos de prosperidade e expansión económica da Idade Media.

O pasado domingo 26 de agosto, grazas a unha ruta guiada benéfica, organizada por Juan Segade e o Museo do Mar de Noia a beneficio de A Creba Saúde Mental, andivemos á procura "das follas evadidas / do almanaque dos nosos soños" que dicía Manuel Antonio.

Juan Segade
A alameda enlousada grazas ás "doazóns" de quilos de berberechos dos mariscadores locais; a traxectoria de Prudencio Romo, director musical e membro fundador de Los Tamara; o rastro dos masóns na estatua de Felipe de Castro; a sombra das 12 portas que daban acceso á vila; a convivencia de rituais pagáns e relixiosos; a negra historia do arcebispo Berenguel de Landoria; os restos dun hospital de peregrinos; un fermoso cruceiro gótico; o episodio escuro das bombas que se guindaron sobre o núcleo urbano o 25 de xullo de 1936; a verdadeira orixe dos sancosmeiros; o personaxe detrás do nome do Malecón de Cadarso ou a "maldición" da torre da igrexa de San Martiño estiveron entre o feixe de claves da historia mariñeira desta vila que nos foron revelando entre Juan Segade e Félix González, director do Museo do Mar.






Alén dos emprazamentos mencionados, visitamos tamén o recentemente inaugurado monumento Portus Apostoli, que conmemora o 850 aniversario da vila e a Carta Pobra coa que Fernando II deu carácter oficial á vila; e tamén a igrexa de Santa María a Nova coas súas laudas gremiais e motivos mariñeiros.



Ademais, puidemos visitar dúas exposicións. A primeira delas grazas a un verdadeiro golpe de sorte pois era o último día que se mostraba na Casa do Concello: "As maquetas de Avelino", reproducións   en miniatura realizadas por Avelino Ageitos de barcos e edificios emblemáticos como igrexas, capelas, vivendas típicas e faros.


A segunda, que aínda podedes visitar ata finais deste mes no Liceo de Noia, é "Historia da navegación e do patrimonio marítimo ata a Carta Pobra de 1168". 



Catro homes (Félix González, José Iglesias, Emilio García Portosín e o mesmo Avelino Ageitos) involucrados nun fermoso proxecto que se extendeu uns dous anos consistente en reproducir nun gran mural a historia de Noia previa á Carta Pobra.

Para a obra elixiron un soporte cargado de significado e memoria: unha lona de máis de cincuenta anos atopada no almacén de Carmen Barcia, armadora. 

O mural é incrible: unha liña do tempo xigante con apuntamentos visuais que é totalmente hipnótico, canto máis o miras máis o queres mirar. Percíbese a atención e coidado ao detalle por parte dos creadores, pois a información, moi ben dosificada, está codificada por cores, os debuxos estratéxicamente colocados e... que caligrafía tan bonita! 

Se a visitades, oxalá teñades a oportunidade de escoitar a Félix facendo unha entusiasta revisión histórica desde as orixes do mundo pasando pola historia da ría, as naves típicas de cada época e os fitos da "moi nobre, moi leal e moi anterga vila de Noia".