Showing posts with label Ramón Nicolás. Show all posts
Showing posts with label Ramón Nicolás. Show all posts

Monday, July 16, 2018

Words in Books: Lapis na noite


Hai pouco máis de dous anos falábavos nesta entrada d'O espello do mundo (2016) e hoxe é con pracer que falamos de Lapis na noite (2018) de Ramón Nicolás.

Ambientado entre o presente e 1976 e 1983, durante o "Proceso" arxentino que segou unhas 30.000 vidas, a novela constitúe un relato fascinante do que supuxo ser disidente no que se considera a ditadura máis sanguenta e brutal da historia do país.

Un testemuño en forma de escrito que parece ser non só unha teima de Ramiro (p.45), senón do propio Nicolás. Nel atopamos unha ollada limpa que "con luminosidade e transparencia" (p.110) marcha do "Vigo escuro de posguerra" (p.189) nun tempo no que aínda había moito medo (p.35) cara ao Buenos Aires da emigración, dos barrios galegos coma o de San Telmo, do "Centro de Almaceneros" (p.82) e do lunfardo (p.42). 

Con esa ollada limpa relata e refire sen demorarse na negrura e a desolación, nas "lamas do peor da condición humana" (p.139) de Remus Tetu, do secuestro de nenos, a eliminación de "xornalistas desafectos" (p.96),  o Plan Cóndor (p.91), a Operación Claridade (p.146), os corpos lanzados ao mar ou incinerados na Chacarita (p.108), os chupaderos (p.138), cárceres, campos de concentración,  torturas e asasinatos. Moi ao contrario, conta desde a xenerosidade que garda "o ferrado de esperanza nos corazóns" (p.76) e consegue enchoupar a retina con pasaxes líricas coma a descrición da  paisaxe da Patagonia (p.78), o paseo de Iria e Hugo pola Playa Chisca (p.105), a lenda do xacarandá (pp.128-129) e mesmo o proceso de tortura (p.165).

A "Noite dos Lapis" (p.136) é crucial e dela trata a novela, pero alén disto, Lapis na noite  dá unha volta máis e recórdanos que "estamos feitos de anacos de memoria, e esta nunca esquece onde comezou a tomar forma" (p.70),  que de nada vale amputar e borrar (p.47) convencéndonos de que o que non se recorda, non existiu (p.37) pois "as raíces non son fáciles de arrincar, nunca" (p.38).

Comprometerse coas causas xustas conleva peaxes moi altas (p.68) pero a única que non debemos estar dispostos a pagar é a da nosa propia memoria. Só os/as que se aferran a ela, esas figuras persistentes e heroicas coma as nais e avoas de Mayo, coma Carmen Cornes (p.167), poden reivindicar a súa propia dor contra o esquecemento e o silencio e saír da néboa do terror. 

E unha vez recuperados os meandros da memoria, pórlles palabras. Se no réxime os libros desapareceron ou se prohibiron (p.143) tamén houbo quen se refuxiou neles, nese ronsel marabilloso "de palabras non oficial, clandestino, plural e fermoso" (p.63). Paralelamente, se ben os medios da época recorreron á conspiración da negación, cómpre que nós deixemos caer os recordos, coma a flor violeta do xacarandás, e os verbalicemos, abrindo de vez a caixa negra da memoria.
"Os militares foron moi conscientes do valor que encarnaba a manipulación informativa, do valor que atesouraban as palabras, dándolles a estas outros sentidos, chamando as cousas doutro xeito" (p.183)
"... a rabia escoa a través das palabras que risco e, dalgún xeito, queda aí prendida. Descoñezo se isto é o que fan os escritores cando tratan estes temas emocionais: algo semellante, paréceme, ao que denominan como o fin terapéutico da escrita. É posible curar as feridas coa palabra? Tampouco o sei" (p.137)


Sunday, December 31, 2017

Letters in Books: A nena do abrigo de astracán

O sentido de pertenza. Belongingness. Unha necesidade humana de encaixar e de sentirse conectado a outros. Un traballo en equipo en tanto implica aceptación de parte do propio individuo e do grupo. Ironicamente, o sentido de pertenza é apartadizo e xardesco e cómpre unha ligazón co zeitgeist, un aliñamento de experiencias compartidas ou polo menos unha serie de asentimentos de cabeza que nos enlacen co outro. Hai que buscar e coidar as palabras para xuntar e crear comunidade. Saber cales deixar saír e cales calar. Só así chegamos a conectar e permanecer ligados á persoa ou grupo que nos escoita no outro lado da canle.

En caso de emerxencia ou pouca habilidade propia, pódese recorrer a mestres e mestras dos ecosistemas das palabras. Eles crean o espazo onde compartir loitas, vivencias e soños comúns e fanche sentir o conforto do encaixe. Recompoñen o pasado, diseccionan o presente ou preludian o futuro.

Xabier P. Docampo é un deses mestres.  A nena do abrigo de astracán (2017) é un descenso a unha comunidade que é unha zona abisal, un adentramento na negrura co único abeiro dun rastro de luz para nos levar de volta á seguridade do fondeadoiro.

Moitos de nós tivemos a fortuna de entrar no universo literario de Docampo cando eramos nenos,  con aqueles contos que nos fixeron durmir coa luz acesa unha temporadiña (Cando petan na porta pola noite, 1994) e redescubrímolo agora, xa medrados e desde o afecto, cun deses libros que recordaremos toda a vida. Un libro que ademais evocou outras lecturas favoritas: Chocolat, Five Quarters of the OrangeLa ladrona de librosEl festín de Babette ou "The Yellow Wallpaper".


A novela lévanos de volta á infancia da man de Susana, "A Nena de Airas" (p.18). Doce aniños e un "ricto de relaxada tristeza, de tristura vella que xa parece coma unha expresión do seu natural" (p.19). A nena do abrigo de astracán do título, que nunca chora (p.99), debuxa na cómoda (p.169) e é a luz nunha vila na que todo está ao revés. En Ribadaínsua o canto do estorniño é o xemer dun home, a Virxe anda cos peitos ao ar, os fortes morren e os espellos devolven máis que a nosa propia imaxe. 
"A nena sorrí e a figura do espello faino tamén" (p.83) 
"Pero eran eles, a súa mala conciencia a que lles facía ver o seu retrato. Non era Antonina a que retrataba, funcionaban como espellos nos que cadaquén vía a súa verdadeira efixie" (p.371)
En A nena do abrigo de astracán, coma en Five Quarters of the Orange, comezamos amodiño, pois o xeito de contar e o tempo son esenciais. Nas primeiras 80 páxinas, os personaxes van desfilando un a un en interludios breves para crear un consumado e hábil retablo dunha vila imbuída nunha falsa quietude. Baixo ela, revólvense en escorzo o control voraz e o poder asoballante que sempre se mostra de costas, coma os retratados dos bosquexos de Nina.

Ribadaínsua, coma a vila de  Lansquenet-sous-Tannes en Chocolat, é unha fosa que o poder (do Caudillo, de don Amacio, dos homes en xeral) tenta manter en escuridade. Francis Reynaud e don Amancio son dúas caras dunha mesma moeda, un poder eclesiástico que todo o quere vixiar. Nunha sociedade eminentemente masculina, as mulleres coma Vianne (Chocolat), Nina, Engracia e Susana (A nena do abrigo de Astracán) ou Babette (El festín de Babette) fan cambalear a hipócrita piedade da vila pola súa propia esencia e a súa mente artística extraordinaria. A solución? Asfixialas, silencialas. Aplicarlles unha "cura de descanso" (coma á muller de "The Yellow Wallpaper") ou convertilas en parias.

Ante esa ameaza latente, Susana, coma Liesel (La ladrona de libros), aprende a estar alerta, a gardar segredos e ser coidadosa. Liesel atopa conforto nas palabras que deita no seu diario; Susana nos filmes e na pintura do caixón. Liesel chega a entender o poder das palabrasSusana irá aprendendo da vila e da madriña a falar e a calar, e descubrirá as grotescas consecuencias da autocensura e das decisións tomadas nese eido.
"Son desas cousas que suceden tan no fondo do corazón que non saen de alí nunca. Hai segredos, claro que hai segredos que ninguén chega a saber máis que aquel que os garda. Son cousas que non poden saír daquel lugar onde se gardan, porque cando tal ocorre, esvaécense e desaparecen antes de seren reveladas. Vólvense coma fume que non se pode pillar coas mans" (p.84) 
"Aquí ás caladas pasaron cousas terribles, como en tantos sitios, pero sempre se viviu coma se non pasase nada. Todos calaron, mesmo os que sufriron calaron tamén" (p.332) 
"... é un lugar cheo de silencios, demasiados silencios, moito calar de Noso Señor" (p.372)
Palabras que se tragan e palabras que se falan. Outras que se poñen por escrito: As dos libros, as dos xornais que Manuel de Brais le e as das cartas de Fernando. Estas últimas, palabras de tinta, poderosas e directas que cristalizan nunha historia que nos rompe o corazón. Palabras das de tocar que se convirten en talismán, en arma cortante nas mans do receptor. 
"Érguese de súpeto e colle as cartas de Fernando do seu escondedoiro. Non as le, só as ten na man. Volve erguerse e pecha os ollos con moita forza ante o espello" (p.164)
Palabras e historias que Docampo vai encaixando a golpe de claqueta e que resoan pola orde impecable na que están arranxadas, unha escaleta perfecta tanto na páxina como na estrutura global da novela. Os sete filmes que Susana vai vendo constitúen o encadramento da historia e dan título ás partes-escenas do libro: "Historias de Filadelfia", "Luz que agoniza", "O mago de Oz", "Rebeca", "A ponte de Waterloo", "Como era verde o meu val" e "A loba". A través deses filmes, a moza irá gañando entendemento e medrando, porque niso acerta a madriña cando asevera que "As películas falan das nosas vidas" (p.198).

A nena do abrigo de astracán é multimodal, multisemiótica. As evocacións dos filmes que nos vai contando a nena e a retórica do contido verbal son brillantes. Impactan algúns momentos destilados con claridade cinematográfica: a labazada da madriña  (p.166), o corpo de Isidoro chocando contra a superficie da auga (p.128); o "cunco da man de Aurelio" acubillando a da nena (p.132); a fuxida de Paulina (p.187); o lume na casa de Engracia (p.244) ou as bágoas de Susana (p.320).

Unha novela que inqueda, que deixa a pegada da culpa e o remorso. Ben contada, vitalista, triunfal e  tráxica á vez. Unha profunda e súbita visión do belongingness á galega, ese sentido de pertenza fráxil e enganoso na súa esencia.

"A memoria dos sucesos permanece por enriba de que as persoas se resistan a lembralos e, máis aínda, a relatalos. O ar garda as palabras todas que os poden contar, e iso fainos imborrábeis" (p.12)




Para saber máis:

Saturday, August 20, 2016

The Heart in Articles: Carlos Casares (I)

Despois de ler este fermoso artigo de Ramón Nicolás onde louva as calidades de Carlos Casares (1941-2002) para "abrazar e seducir a palabra" e que califica a experiencia lectora coma "deixarse asolagar pola palabra de alguén que ten como bandeira depurar e pulir arreo" entroume curiosidade por este escritor que ademais será homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017. 

Ía comezar por Un país de palabras (1998) pero ao final por casualidade, empecei con outro. La Voz de Galicia vén de publicar un volume, Os agostos de Casares (2016), que recompila os artigos aparecidos nese mes entre os anos 1997 e 2001. Como se indicou neste artigo previo ao lanzamento, "son 155 textos que condensan as calidades polas que as columnas do escritor tiñan tanto éxito, xa que era quen de abordar calquera tema cunha sinxeleza e claridade da que podía gozar todo tipo de lectores".



Hai de todo neste libro: lembranzas, anécdotas e efemérides, pero a verdade é que foi un acerto publicalo no verán, porque as páxinas saben a xeado, ulen a mar e evocan imaxes de viaxes en barco e comidas baixo unha uveira. Lectura ideal para o mes de agosto.

Paréceme daquela axeitado comezar co primeiro artigo que se inclúe no volume que fai alusión aos cemiterios (tema recurrente tamén nesta bitácora) e unha acertadísima conclusión. Para máis información sobre esta "reciclaxe" da enerxía da morte, recoméndovos a lectura deste artigo de hai uns anos da BBC Mundo e a escoita deste podcast de Nieves Concostrina (Radio 5) "Polvo eres" onde fala deste mesmo tema, o reaproveitamento da "caloriña dos crematorios".

Cuestión de lóxica

venres 1 de agosto de 1997

En relación co artículo de onte, no que contaba cómo os responsables do crematorio da cidade sueca de Helsingborg, a un tiro de piedra da cidade dinamarquesa de Elsinore, a mesma onde se ergue o célebre castelo de Hamlet, lle tiñan vendido a unha empresa privada a enerxía que se desprende dos fornos de queimar cadáveres, un amigo meu preguntoume polas dimensións da urbe citada. En realidade, non se trata de ningunha urbe, senón dunha modesta capital de provincias, célebre polo seu porto e os seus ferries.

A pregunta, como se pode apreciar fácilmente, ten a súa lóxica. Segundo este amigo, sería necesario un funcionamento continuo dos fornos para que a enerxía xenerada pola combustión dos mortos puidese ser aproveitada. Trátase dunha observación razonable, na que eu non pensara. Polo tanto, a noticia encerra algunha contradicción.

Non sabería dicir cantas defuncións se producirán ó día en Henlsinborg, aínda que non máis que en Ourense ou en Lugo, dúas cidades de dimensións similares á sueca. Ou sexa, unha cantidade que se pode contar cos dedos das dúas manas, se un xuzga polas esquelas dos periódicos. Non creo, polo tanto, que a enerxía producida dea para pouco máis que algúns minutos de calefacción. Neste sentido, as contas parecen claras. A non ser que aceptemos que un corpo humano, co corazón incluído, pode ser coma un volcán.

Wednesday, June 15, 2016

Letters in Books: O espello do mundo

No século XII, o 90% de Europa era rural, as vilas eran os centros do comercio e a riqueza (a terra) estaba concentrada nas mans dos señores feudais e da igrexa. En Francia os trobadores íanse facendo populares e construíase a catedral de Notre Dame, en Italia fundábase a universidade de Boloña; Portugal andaba a formarse como país; os normandos andaban pirateando no Mediterráneo e os chinos a coser libros de páxinas impresas. E en Galicia? Pois invítovos a entrar no relato  de Ramón Nicolás (1966) O espello do mundo (2016).



Nicolás pon en marcha unha debandoira de delicados fíos que se entrelazan e xiran con mestría darredor do lector: unha “caixa do tesouro” (p. 69) que contén “un mangado de cartas” (p. 187), restos da correspondencia entre  as dúas monxas bieitas Hildegarda von Bingen e Ona Guiomar Méndez; materiais textuais de carácter documental (consellos médicos, descricións de prantas, animais e froitos); as “litterae ignotae” (p. 112); unha historia de amor e outra de investigación.

E entre todos eles, destaca como fío condutor a fascinante amizade entre dúas mulleres rebeldes no seu tempo: Ona Guiomar Méndez, abadesa do cenobio de San Pedro de Ramirás e Hildegarda von Bingen (1098-1179), abadesa, filósofa, naturalista, compositora, poetisa e lingüista. As cartas desta última mostran a unha muller polifacética, cunha incrible curiosidade, adiantada ao seu tempo, autora dun dos repertorios de música medieval máis extensos, de nove volumes da Physica sobre ciencias naturais, dun tratado médico (Causae et Curae) e dunha investigación sobre a importancia da gratificación sexual para as mulleres.

A través das pescudas de Martiño, profesor de historia nun instituto de Vigo, imos coma el pouco a pouco enredando os múltiples fíos na man: Ermidas, Ona Guiomar, Eleanora, Constanza, María de Limia,  Icía, e por suposto Hildegarda. Agariman os nosos dedos as súas historias pero tamén as palabras escollidas, como cando describe o apego de Martiño ao lugar do que procede, cunha “patente consciencia case tribal en tantas iniciativas que promoven o ben común” (p. 43); a carta onde Hildegarda describe a “ignota lingua ou lingua inaudita” que “contén palabras que atesouran o celme das cousas” (pp. 95-96); o sensual encontro entre Eleanora e Estevo (pp. 124-132) ou a explicación “racional” do pracer no home e na muller (p. 158).

Como Martiño entramos no “labirinto máxico” (p. 118), ficamos “engaiolados” polas palabras que espellan a cosmogonía de dúas “personalidades converxentes” (p. 120) e imos debanando e cubrindo arestas ata formar un nobelo redondiño, un cadro que é “un espello da vida toda” (p. 127) nun lugar que foi “durante un tempo, o espello do mundo” (p. 191)

E para rematar, unha escolma dos textos que Hildegarda inclúe nas súas cartas relacionados con prantas, pedras e árbores, para aqueles que andedes doentes de corazón:

O XENXIBRE

“O xenxibre é de natureza quente (...) Quen sinta dor no seu corazón, ou sospeite que ten un corazón feble, se inxire xenxibre en cantidade suficiente axiña se sentirá mellor” (p. 58)

A ESMERALDA

“Xa que logo, a quen lle doia o corazón, o estómago ou o lombo manteña a esmeralda canda si, para que a carne queza con ela, e mellorará” (p. 78)

O CASTIÑEIRO

“O castiñeiro é enteiramente quente e goza de moita enerxía debido a esa calor. Simboliza a discreción (...) A quen lle doia o corazón, e estea triste porque o seu corazón non mellora, que coma con frecuencia castañas crúas. O zume influirá no seu corazón de xeito que se beneficiará da súa forza” (p. 163)