O pasado sábado 8 de outubro tivo lugar a terceira edición do
Festival Poemagosto, organizado por Carlos Airas (da libraría
Aira das Letras),
Carlos da Aira, a
Fundación Vicente Risco e o
Concello de Allariz, que combina música e poesía galegas e busca achegalas a todos os públicos.
Aínda que o amencer foi "
nebracento e fresqueiro", como diría
Vicente Risco, co avance do día os que estabamos no patio do
Museo do Coiro, fomos sentindo como quecía o corazón a ritmo de verso.
Anxo Angueira foi o primeiro poeta que escoitamos, facendo unha potente declamación de memoria de varios poemas de
Rosalía de Castro, entre eles
"Miña santiña", un precioso cantar dialogado entre unha costureira e unha santa, e tamén "Silencio", que reproduzo de seguido:
A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo..., escribo..., ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ialma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?
Angueira rematou a súa intervención cun poema propio, "O liño de María", que dixo que sente no fío de
Sarmiento e
Rosalía. Desde logo non se oía un chío entre os asistentes, e ao rematar todos tiñamos na nosa meniña o azul dos ollos de María e da flor do liño.
Pola tardiña estremecéronos de novo os textos poéticos, do máis delicioso e variado, onde tamén houbo alusións aos versos de
Fran Cortegoso.
Rosalía Fernández Rial, deleitounos con versos do seu
Vinte en escena (2012), e metémonos na pel dos
"nómades invisibles" ou das prostitutas que navegan nas "
proas da cidade."
Ismael Ramos levounos polo "
territorio da ferida", foi ordenando "
letras ata atopar o nome da despedida" e recordounos que "
o mar pola noite é un peixe que agoniza".
Iolanda Zúñiga recuperou o "Combate estéril" fiando os risos e buscando o empate, e seguiu coa "Carta astral", xogando coas palabras, modulando o ritmo e intercalando cancións.
Arancha Nogueira librounos do "
mundo que é unha escrava negra que mira con ollos cansos e repetitivos",
Alba Cid invocou "
o malva e o outono que sempre nos converten en escribas" guiándonos pola historia apócrifa dos tulipáns, a pesca con cormorán e a historia das palabras.
E xa pola noite, despois de que
O Leo i Arremecághona nos consolase co "Menos mal que o heavy é metal" entre outros hits, gozamos co ensemble de creatividade composto por
Mercedes Peón, Mónica de Nut (sampler e coros)
e
Ana García (coros e percusión), que aliñaron palabras, música e interpretación para crear a alquimia do imaxinario con vibrantes melodías polirrítimicas que axitaron os xardíns alaricáns e as almas dos oíntes.