Showing posts with label Olga Novo. Show all posts
Showing posts with label Olga Novo. Show all posts

Saturday, June 1, 2019

The Heart in Poems: Olga Novo (III)


FONTE CALADA

Porque tes hipoacusia les só os deuses silenciosos
os teus tímpanos de paz só escoitan frecuencias puras
e os decibelios minúsculos do meu corazón contrito
cando subo ao pracer buscar sede pra a auga.
Porque
falo pra ti desidero principio dos tempos
coma unha fonte calada.

En Feliz Idade (2019)

Wednesday, May 1, 2019

Words in Poems: Olga Novo (II)

O INEFABLE

Antes
acudían a min as palabras enganchadas a arados do cerebro
coma quen levanta terrós lingüísticos e fala do amor
e as circunstancias
con total precisión e planta
patacas
no medio dun poema
e nacen.

Antes
facía faíscas xuntando duas vogais
coma se un chisqueiro fixera chama no medio da gorxa
e con iso eu podía
falar a voz
dos seres inertes que tiñan á miña mente buscar refuxio.

Ai
pero iso era antes.

Agora
amo con exactitude hormonal
e a miña boca é un animal bivalvo
que só se abre para pechar o abismo.

Agora
eu mírote extasiada mentres dormes
e disólvome no costro fulgurante
coma unha estrela que lle dera de mamar fósforo ao ceo.

E falo na linguaxe que non serve
no silencio da sílaba primeira:
deséxoche que sexas amada tolamente
e que ningún poder poida
amainar nunca
a túa
Feliz
Furia.

En Feliz Idade (2019)

Friday, April 5, 2019

The Heart in Books: Feliz Idade


Hai un libro-bisagra:

"O tempo actuou coa lección dunha bisagra: o primeiro día que ti puideches, con grande alborozo, baixar soíña as escaleiras da casa foi o día en que el non puido baixalas só" (p.7)
A bisagra non é de metal, senón lixeira, bolboreta con ás inzadas de terminacións nerviosas cuxo po non deixa pegada. Abren e pechan, e con cada movemento accedemos á verdade e transparéntase a beleza. A fermosura da negociación entre entradas e saídas do corpo e do corazón para conseguir que "toda herdanza sexa a do amor e non a da propiedade" (p.9). Porque as ás son unha do pai e outra da filla, pero o corpo central é o da "mamá" á que vai dedicada o libro, da que escribe, da que le, da nai.

A felicidade non é tan elusiva se a pensamos como a feliz idade na que a bolboreta desprega con plenitude as súas ás complementarias, eros e thanatos. A felicidade é entón unha celebración profundamente humana do nacemento ao tempo que enfrontamos o medo e a dor ancestral da ausencia.

A bisagra non pesa, é etérea. Unha lixeireza benvida que Novo consegue usando o poder da palabra para destilar toda a vida nun momento poético. Devastadoramente declarativa por veces - outras confesional e reveladora. Non hai parpadeo nos ollos, sería un obxectivo demasiado fácil. Cada golpe das ás son ciceladas de lírica matemática para acceder á verdadeira meta: deixar o corazón lisiño coma un canto rodado erosionado polo tempo.

Hai espazos entre os versos, bocados de aire, pausas necesarias. Pero, non nos enganemos, se erguemos os ollos da páxina, sentiremos a vertixe da exploración sen concesións nin adobíos. Estamos a asomarnos ao borde dos cantís.

Hai un libro-bolboreta e a súa iridiscencia alegra á mesma feliz-idade.

"... e báteche o corazón por primeira vez
coma se caera unha pedra no centro do mundo"
 (p.17)
"Ah       e agora
que teño dous corazóns
vou saber por fin como latexa un leiro en primavera
cando rompe a herba e tódalas substancias subterráneas
poñen a funcionar a poesía de verdade os seus
               ventrículos que non se ven
o sistema circulatorio da rima interna tan profunda
coma o corazón do tubérculo agora
que teño dous corazóns" (p.22)

"Antes de que ti chegues 
as ascuas deixarán de estar en ascuas para acenderte a ti
e a morte non terá dominio como dicía Dylan Thomas
corazón"( p.36)

"Porque á fin
papá
te dirixes a min sen orde nas túas ordes
e desfás a sintaxe igual que debullabas fabas
e todo cobra o senso profundo daquilo que non ten lóxica
nin está sometido a nada"  (p.60)

"Eramos tres: meu pai, eu e a vida.
Eramos tres: meu pai, eu e a agonía.
Eramos tres: meu pai, eu, e o meu amor que viña" (p.67)

"Porque na beleza da terra escriben con tinta
os vosos corazóns
eu aprendo" (p.96)







Thursday, April 4, 2019

The Heart in Poems: Olga Novo



Coma se caera unha pedra no centro do mundo
e o seu eco se sentira máis aló dos sentidos.
Coma se un xesto dun antepasado meu de súpeto volvera
á existencia
a engrandecela anulando o tempo
e tócalas campás tocasen a vida nos altos campanarios
do sangue.

Coma se o mundo caera no centro dunha pedra
e o seu sentido se sentira máis aló do eco
e a poesía perdera o coñecemento nos brazos do amor.

Coma se de súpeto eu fose máis humana e por iso entendera
a débil constitución da mente
que treme
coma unha avelaíña ante unha bombilla de 40 vatios.

Igual que se caera un pozo no centro de min
e o fogonazo que produce un milímetro de vida
me propulsase ao centro dun milímetro de min caendo
nun pozo

tan só 
porque unha diminuta esfera grandiosa
se me está a formar dentro
e os meus tímpanos imperfectos non poden oír aínda
a súa rotación dentro do bosque de cromosomas.

Coma se Deméter amarrada ás miñas entrañas
arrastrase coa grade do amor a Perséfone á superficie
e a primavera
vencese para sempre
e o Inferno xa non terá dominio
e o Inferno xa non terá dominio.

Porque un rabaño de lobos te pasean ao lobo do meu
ventre
eu son un on-halos só no medio do universo
facéndote
feliz

criatura.

Coma se caera unha pedra no centro do mundo
retumba toda a miña materia individual
a conciencia astral da persoa
que se asoma
a un fogonazo e ve máis a poder de luz
que de sombra.

Porque vou en min catapultada a un misterio
coma un pole transportado por abellas
á matriz da existencia
absorta no quietismo absoluto de todo canto se move.

Déitome sobre a herba da aira
pensando en Mitrídates rei do Ponto
no labirinto de Borges
na Dánae de Klimt e no ciclón somático
que é o meu soño.

E así sentada
agarrada ás arandelas da miña córnea
contemplas só o profundo
e báteche o corazón por primeira vez
coma se caera unha pedra no centro do mundo

En Feliz Idade (2019)