Showing posts with label José Vidal. Show all posts
Showing posts with label José Vidal. Show all posts

Tuesday, August 14, 2018

Hands in Photography: José Vidal


O poder da fotografía e a súa intelixibilidade crean unha democracia do entendemento dificilmente superable por calquera outro medio. Parece que o pasado está dialogando directamente con nós nun exercicio de familiaridade e cercanía que elimina as fronteiras do espazo-tempo.

Cando falamos ademais de fotografías históricas de ámbito local, engádese a dimensión da nostalxia, pois son fiestras a eventos e escenas que desapareceron das nosas vidas e que iluminan aspectos da  historia do noso pobo e da nosa herdanza cultural. 

Por iso é unha alegría ter acceso a volumes coma este José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía, de Xan X. Fernández Carrera que se presentou o pasado venres 10 no Museo do Mar de Laxe.

Na presentación destacouse a importancia do fondo Vidal non só para a vila senón tamén para as comarcas de Bergantiños e Soneira, polo retrato que fai da evolución da paisaxe, da terra e da xente, ademais de ser unha proxección da figura de José Vidal cara o futuro.

Fernández Carrera salientou "o estudo, traballo e habilidade que hai detrás de cada instantánea, así como as destrezas sociais e a capacidade de convocatoria" que asumimos que tiña José Vidal para facer que tanta xente posase para os seus retratos.

Comezou por revisar o contexto histórico de Plácido e José Vidal: unha sociedade rural, agraria e mariñeira, pouco industrializada (salvo algúns serradoiros, minaría do caolín e empresas de salgadura), de poboación dispersa, illada e con poucos recursos. 

De seguido pasou á biografía de Plácido Vidal Díaz (1867-1956),  personaxe destacado da burguesía vilega en Laxe e aos seus inicios como fotógrafo coa cámara fotográfica regalada por José Villar (da Droguería Villar en Coruña). No 1900 nace José María Vidal García, o fillo, e o fotógrafo ao que pertencen a maioría dos documentos visuais que se conservan. Carteiro en Corme, auxiliar de secretaría en Laxe, correspondente do xornal El Ideal Gallego, viuse afectado a nivel persoal e familiar polos vaivéns políticos da época, pero malia todo mantivo a súa actividade como fotógrafo ata 1980, mesmo unha vez xubilado.

67.000 elementos fotográficos entre negativos e positivos de cristal e plástico son os que se conservan hoxe no arquivo Vidal, que Fernández Carrera agrupou, grosso modo, por temáticas: vilas (desde Camariñas a  Caión); sociedade (feiras,  festas e romarías, familias, fotos da escola, traballos e oficios (da mina de caolín, zapateiros, taberneiros) e mar

Alejandro Ávilabisneto de José Vidal, recordou dous momentos importantes: setembro de 1992 cando foi consciente do valor do laboratorio; e 2008 cando fixeron a cesión do fondo fotográfico ao Concello de Laxe. Aludiu tamén, alén da calidade fotográfica do fondo, á visión social e ao valor da memoria emocional que identifica toda a zona.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, pola súa banda, puxo en valor o traballo rigoroso de estudo de Fernández Carrera e a relevancia do fondo fotográfico Vidal como sinal de identidade e de pertenza a unha colectividade recordando as palabras do fermosísimo discurso "Eu tamén navegar" pronunciado por Xohana Torres:
"Hoxe, xa de volta das grandes mareas, declaramos que a vida non é sempre unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas, pero ben ve o que mira dúas veces a mesma paisaxe.  (...) Non somos máis que o que recordamos, ese ceo protector que de maneira alterna nos cobre ou se desvela e que se nega a desaparecer".

José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía, é un libro para gozar e revisitar, un imprescindible a carón de Caamaño, Manuel Ferrol, José Suárez, Ruth Matilda Anderson, Català-Roca, Baldomero Pestana ou Xurxo Lobato

Sunday, August 12, 2018

Letters in Exhibitions: Museo do Mar (Laxe)

Hai polo menos tres motivos para visitar Laxe: o faro con fermosas vistas a ambos lados, a praia de area agarimosa, e os paseos posibles a diversos puntos (a praia dos Cristais, Soesto ou a capela de Santa Rosa). Un cuarto motivo non menos relevante, é o Museo do Mar. Situado no antigo cuartel da Garda Civil, no casco histórico detrás da Casa do Arco, é un inmoble de pedra con elementos aínda visibles das casas tradicionais galegas coma a lareira ou o lavadoiro de pedra. Como engado adicional, un pequeno mirador que nos permite enxergar a praia cara un lado e o monte Cornaceiras cara o outro.








O museo nace con catro obxectivos: ensinar, difundir, investigar e salvagardar, e pon o foco no nexo de unión entre porto, xente e comarcas (Bergantiños e Soneira) que fai que os/as visitantes poidamos encaixar a vila na historia e na contorna, nun marco temporal que abarca desde finais do século XIX ata os anos 70 do século pasado. O mar é tamén elo de unión dos tres eixos temáticos que artellan a colección exposta en cada andar: "O mar nos ollos da xente" (sección 0); "Do mar á terra" (1º andar) e "Da terra ao mar" (2º andar).

Ocupan os espazos obxectos de personaxes ilustres, mapas antigos, historias de barcos naufragados coma o Adelaide, coleccións de obxectos relacionados coas diferentes artes de pesca e, ata o 31 de agosto, unha exposición fotográfica de Carlos Eiroa





Porén, o que cativa a nosa mirada é sen dúbida a escolma de fotografías do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José María Vidal (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro e que constitúe, cos seus 67.000 elementos, "o maior arquivo fotográfico da Costa da Morte".

O rótulo do museo é visible na ruela a man esquerda cando un vén desde a praza Ramón Juega e se dirixe cara ao arco. Oxalá seduza aos visitantes para que descubran a ollada dos Vidal, que tan ben souberon capturar a esencia dunha época.













Para saber máis:
  • Museo do Mar de Laxe
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre a exposición fotográfica de Carlos Eiroa (17/07/2017)
  • Artigo en La Voz de Galicia sobre o Museo do Mar (03/11/2017)
  • Artigo en El Ideal Gallego sobre actividades de dinamización do Museo do Mar (18/05/2017)
  • Información para visitas escolares