Sunday, August 18, 2019

Word Buffs (XII): Celia Pereira Porto



Celia Pereira Porto preséntase así: "Curiosidade por aprender. Paixón por compartir. Seareira da beleza.

Cando morra
gardádeme a memoria
nun campo de papoulas"


Comezou a gustarche ler...
Nalgún momento, que non podo precisar, entre a adolescencia e a xuventude.

Ti como nena ou adolescente lectora
Era tirando a rara, non tanto pola cantidade de libros que lía, como polo tipo de lecturas que me gustaban. As lecturas obrigatorias do instituto, por exemplo, gustábanme bastante: Arredor de si, que a maioría da xente odiaba, a min encantoume. Lin La Regenta nunha fin de semana, o volume duplo de Castalia. En fin, unha auténtica pervertida.

Un libro ou varios ao mesmo tempo? 
Promiscuidade literaria sempre. Alterno a lectura de moitos libros e de diverso xénero, así non me aburro nunca.

Mercar os libros ou lelos prestados?
Todo: mercalos, de novo e de vello; prestados de persoas particulares, das bibliotecas; todo vale e todo é bo, depende do momento e do libro.

Gardalos ou deixalos ir?
As dúas cousas. Antes era unha auténtica adicta a telos todos comigo. Agora son máis desprendida, gardo os que sinto como máis propios, porque me conforman, e deixo marchar moitos, por cuestións de espazo, mais tamén por compartir con outra xente e darlles así outra vida e darma tamén a min, para ter un motivo para poder falar deles.

Lugares para ler
Calquera lugar é bo, se é cómodo e non hai demasiado ruído.

A lectura – en solitario?
Soa e acompañada. Adoro falar de libros, lecturas, bibliotecas, librerías. Ás veces creo que demais e que teño á xente de confianza aburrida. No caso da miña filla adolescente teño a certeza de que é así.

Rituais lectores
Sempre cheiro os libros. Dá igual a propiedade, o momento e o lugar, e algo que fago sempre, sen saber o motivo. Aínda que ese costume me levou a aprender que o peróxido de hidróxeno, un composto químico que se emprega para branquear a pasta de celulosa, é un dos causantes do olor a novo dos libros.

Que estás lendo agora?
De poesía Calpurnias. Mulleres poetas ourensás. De narrativa, Los recuerdos del porvenir, de Elena Garro. Vivir a galope, as memorias de María Xosé Queizán. De ensaio, Pensamiento monógamo, terror poliamoroso, de Brigitte Vasallo. E seguro que algún máis. 

Que lerás despois?
Espero que moitas cousas que mesmo aínda non sei. Na listaxe prevista está Historia de Calírroe, a primeira novela de Occidente que se conserva, que vén de ser traducida ao galego pola amiga Ana Gloria Rodríguez Alonso e publicada por Rinoceronte; El arte del puzle, a última novela do ourensán José María Pérez Álvarez (Chesi); O livro branco, de Alexandre Brea Rodríguez; Mamá y yo y mamá, de Maya Angelou; Invisibles. Relatos do maltrato, de Montse Fajardo; e o que vaia aparecendo mentres tanto... 

En que momento decides deixar de ler un libro? Das segundas oportunidades?
Cando me custa poñerme con el, de forma reiterada. Si, sempre dou segundas oportunidades se se dan as circunstancias. Nunca se le dúas veces o mesmo libro porque xa somos outras persoas, polo que mesmo é probábel que me acabe enganchando a lectura co tempo. 

Que libros están na lista de "reler"?
A poesía de José Ángel Valente, María do Cebreiro, Juan Gelman, Olga Novo. O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu, de Clara Campoamor, que vén de ser traducido ao galego por primeira vez, por María Reimondez, e publicado por Galaxia na colección Feminismos, e do que me encarguei tamén de facer o prólogo. O Principiño.  Juan de Mairena. Residente privilexiada, de María Casares, as súas memorias, que tamén foron traducidas ao galego por Ana Belén Martínez Delgado e publicadas por Trifolium. 

Se só puideses rescatar un libro do teu andel, sería...
Esta é unha pregunta moi difícil de contestar: un só libro, dun só xénero... É case cruel. O primeiro volume das obras completas de Valente, que é o que recolle a súa poesía. 

Un libro que se che resistiu 
El otoño del patriarca, de García Márquez. Aínda está no andel esperando que chegue o seu momento.

O libro que máis regalaches

O único que queda é o amor, do mestre Agustín Fernández Paz.

Unha cita/un verso


El amor está en lo que tendemos 
(puentes, palabras ). 

El amor está en todo lo que izamos 
(risas, banderas). 

Y en lo que combatimos 
(noche, vacío) 
por verdadero amor. 

El amor está en cuanto levantamos 
(torres, promesas). 

En cuanto recogemos y sembramos 
(hijos, futuro). 

Y en las ruinas de lo que abatimos 
(desposesión, mentira) 
por verdadero amor.

De José Ángel Valente

Autores/as favoritos/as?
En galego Agustín Fernández Paz e Francisco X. Fernández Naval (Chisco). Como poetas Olga Novo, María do Cebreiro, Xulio López Válcarcel. En castelán José Ángel Valente, Javier Ortiz, Manuel Vázquez Montalbán, Ana María Matute, Carmen Martín Gaite. En catalán Montserrat Roig. En inglés Doris Lessing e Margaret Atwood. En francés Albert Camus e Annie Ernaux. En italiano Pier Paolo Pasolini. En alemán Bertolt Brecht. 

Ler en galego...
Por suposto. Sempre estou lendo algún libro en galego, sobre todo, poesía e narrativa. E tamén teño lido moita literatura infantil e xuvenil, grazas á miña filla.

Completa como che pete:
· O cómic... fai que me avergonce da pouca habilidade que teño para debuxar e que comprenda que é un fenómeno artístico total, fronte ao que estomballarse.

· O ensaio... faime aprender e ser máis crítica e sempre me obriga a lelo con lápis e papel.

· Os libros infantís e xuvenís... goceinos, máis como adulta que como nena ou moza, grazas á miña filla Amalia e, en galego, temos marabillas.

· A novela... é o xénero literario co que percorro máis quilómetros, tamén na máquina do tempo.

· A poesía... é o futuro do mundo e a miña táboa de salvación.

· O teatro... é o xénero que menos leo, aínda que me encanta velo representado.

Un recordo ou anécdota relacionados coa lectura
O día do verán do 2015 que recibín, por sorpresa, un sobre remitido por Agustín Fernández Paz, que contiña unha tarxeta malva escrita por el e o seu texto Un radiante silencio, dedicado. Despois houbo máis e gárdoo todo co maior cariño e emoción porque é un mestre, como persoa e como escritor. Mágoa que morrera tan novo, cando aínda lle quedaba tanto por vivir e escribir. 

Stephen King falaba do "constant reader", ti es unha ou hai períodos nos que prefires non ler?
Gústame ler sempre. Se hai momentos de escaseza lectora non son debidos á miña vontade, senón por causas que me son alleas. 

Les porque...
Non teño outra opción. É unha droga da que quero seguir sendo adicta.

Escribes algo? O que?
Si, escribo. Artigos, ensaio e tamén pequenas cousas, en prosa e en verso, que me veñen ás veces á cabeza, reflexións, sentimentos, que recollo nos meus cadernos e que non publico.

Escribes porque...
Me gusta aprender, investigar e divulgar, e tamén porque teño a necesidade de recoller certos pensamentos e non hai mellor maneira de dotalos de clareza.

Outra cousa que queiras contar
O agradecida que che estou, Diana Pastoriza, por ofrecerme responder a este cuestionario, porque o teu blog e a túa conta de Twitter son marabillosos espazos onde aprender e gozar da literatura e da cultura, en xeral. Xente que comparte o coñecemento e a beleza, de forma tan rigorosa como xenerosa, coma ti, é a que fai mellor este mundo. 



No comments:

Post a Comment